O Cabaré do Vicio



Deixa unha última pegada en min
antes de que a metástase das miñas células
remate coa Princesa de Aquitania
e a súa torre abolida.
Cúspeme, traizóame, emerxe, revive.
Rompe este cíclico vaivén
de hipocrisía e rabia desmedida.
Porque segues aí, verdade?
Segues viva?

A miúdo encóntrome a min mesma
nun interludio entre o delirio
pasaxeiro e un non ser sen sentido.
Unha viaxe buscando
un amante drogado de blues
e esmorga do día a día.
Unha caricia máis alá
da gasolina, aditivos, dólares
e rezos sen vida.
Unha volta ao útero,
ao silencio do vixía.
Lonxe das migracións autómatas,
dos tópicos baleiros,
suicidas.


Mais non te vexo, non te respiro.
Soamente sinto a túa húmida pasaxe
á beira das portas de miña cordura
degradada e enfermiza.
Un amor frenético, fuxido,
no que a necesidade agárrase a ti,
asustada do gris e inorgánico xentío,
buscando coma nun cabaré do vicio
unha prostituta de pernas abertas,
de humanidade finxida.

E eu Princesa de Aquitania,
tenebrosa, viúva e perdida,
pregúntoche aos pés da miña torre,

segues viva, anarquía?

No hay comentarios:

Publicar un comentario